InicioOPINIÓN“Volver”

“Volver”

Publicada o

Por Alicia Barreiro Cambeiro

Xa hai unhas cantas semanas que Ubaldo me contou que creaba un novo xornal e me pedía colaborar. Non sabía moi ben como facelo.

Agradezo que Que Pasa Na Costa me dera aquela oportunidade de publicar os meus pensares e sentires naquela bonita e difícil época no consultorio de Baio. Recordo aquel que titulei Carta de amor e de protesta; agora quédome máis co amor e con outro estilo de protesta (por agora). O vello patrón xa non me serve.

Esta fin de semana Miguel axudoume co último empurrón con dous detalles: poñer a canción Volver (…”sentir que es un soplo la vida…”) e dicir que un bo terapeuta nin mira por riba do doente nin por debaixo, senón que a mellor conexión virá mirándoo aos ollos; e escoitando.

Enlaza isto coa idea que cada vez pesa máis en min: que a anamnese, indagar que motivo exacto lle trae á consulta ao doente, é sumamente importante e unha arte que cada vez me gusta máis e me enriquece como persoa e como médica.

Observar, poñer a orella, tocar ombros sen dicir nada e ata acariñar co fonendo ademais de escoitar murmurios vesiculares conservados ou crepitantes levoume á inspiración dalgúns textos que quero compartir; e sempre se comeza por un, aí vai:

 

Nunha chamada de hai uns días, unha filla estaba preocupada por se a nai se estaba deprimindo.

Entrou pola porta unha muller delgadiña, engurradiña, xersei abrigoso, falda, pano negro. Sentada nunha cadeira de rodas. Acórdome de miña bisavoa materna.

Póñome de pé. Non me escoita ao falarlle. Oe moi mal, dime a filla. Sento á súa altura, achégome, parolamos.  Sempre teño as pernas e os pés moi fríos, é a súa queixa inicial. Mirada triste, crávaseme.  Non oio nada ben, ho. Si, iso íllaa moito, di a coidadora. Vén a xente e pide sofá lonxe para estar consigo; ultimamente, máis. Mesmo a partida que botábamos antes… non lle presta. Mírolle a tensión, con coidadiño. Sacamos as mil capas de abrigoso inverno para que o fondendo chegue ao corazón.

Este domingo cumpre 97. Intento acercarme de novo e animala. Hai que celebralo! Mire, este ano eu non quero nada, sen as miñas netas e bisneta, para que? Púxenlle unha man no ombro. Calei. Abriuse a porta e marchou. Esa miña man conectou.

Sento e comezo a chorar. Contente, Ali. Éntrame o meu para que? particular. Para que conterse? Compártoo.

Volvo compartir que hai doentes que tocan onde teñen que tocar cada día; que hai señoras maiores que coa mirada transmiten máis ca coas palabras; que a soidade (aínda estando rodeadas) das anciás me remove profundamente; e que esta época de distancia, enferma. 

E que desexo que cumpra 98 rodeada da xente que a quere.

  • Alicia Barreiro Cambeiro. Médica de Primaria no Centro de Saúde de Monte Alto.

ÚLTIMAS

Nova protesta das mariscadoras da ría do Burgo para pedir solucións mentres non poidan faenar

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron este venres unha nova concentración, ante...

Atopan mortas en menos de media hora a dúas persoas de idade avanzada na Coruña

Dúas persoas de idade avanzada foron localizadas mortas nos seus domicilios en menos de...

Enrique Tenreiro, o escultor que pintou na tumba de Franco, abandona o seu peche no escaparate da rúa San Andrés

O escultor coruñés Enrique Tenreiro, que pintou en outubro de 2018 unha pomba na...

A XXIX Carreira Alternativa fomenta este domingo a inclusión con máis de 1000 participantes

A Coruña acollerá este domingo, 28 de abril, a edición número 29 da Carreira...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here